jueves, 29 de septiembre de 2016

"Os orzamentos participativos complementan a democracia electoral con outra máis avanzada"

Tomás Rodríguez-Villasante é profesor emérito na Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid desde 2008. Sociólogo estudoso e activista dos movementos veciñais e ecoloxistas dos anos 70 e 80, foi impulsor de procesos polas democracias participativas en varios países. Os seus traballos de investigación-acción fixeron achegas anovadoras ás metodoloxías sociais. Ten publicado varias obras sobre movementos sociais, urbanismo e procesos democráticos participativos. Na actualidade participa na construción con movementos sociais de Escolas de Cidadanía en varias cidades de fala hispana e portuguesa.
Nesta entrevista, céntrase en analizar as posibilidades dos orzamentos participativos, que en Galicia colleron pulo grazas ás iniciativas levadas a cabo neste sentido por novos gobernos locais como o de Compostela ou A Coruña. En Santiago, está aínda en marcha a fase propositiva e o prazo para presentar propostas remata o 14 de setembro. Na cidade herculina, o proceso anda na fase de avaliación de propostas

Que sentido teñen os orzamentos participativos hoxe?

Hai unha nova xeración que non acredita moito nos partidos nin no sistema electoral. Reclama outra forma de facer política que sexa máis colaborativa e inclusiva, non tanto de pelexarse uns cos outros. E sabe que a democracia representativa ten os seus límites. Acompáñanos a experiencia internacional da China, India, Nova York, París, Londres ou os Estados Unidos. No mundo enteiro hai trinta anos que se leva experimentando cos orzamentos articipativos e aquí en Getafe, Córdoba ou Sevilla xa houbo experiencias moi interesantes.
"Os orzamentos participativos renovan e complementan a democracia electoral con outra máis avanzada"

Todos os partidos están atentos e pensando en novas formas de facer coa xente máis nova, renovando os seus liderados, cunha planificación integral e inclusiva nos barrios ou cos orzamentos participativos. Son outras formas que renovan e complementan a democracia electoral con outra máis avanzada.


Cambia o papel das asociacións, cal sería o seu papel nestes procesos?

Pertenzo ao movemento veciñal de toda a vida e sigo nel, pero as asociacións teñen que renovarse. Non podemos estar os da miña xeración repetindo o mesmo conto: que a xente nova non vén, que é moito traballo, etcétera. Os orzamentos participativos (OP) son unha oportunidade para as asociacións veciñais (e para as demais asociacións). A unha asemblea dos OP achégase máis xente, o que permite que as asociacións se dean a coñecer, presenten as súas propostas e poidan abrirse a máis persoas. Dan máis facilidade para a renovación das asociacións que pechándose no seu local e pedíndolle á xente que vaia. Hai que saír fóra para coñecer outra xente, asociada ou non, que vai á reunión dos OP porque quere facer algo. Se a asociación de veciños está alí e está atenta pode traballar moi ben.
"Hai que saír fóra para coñecer outra xente, asociada ou non, que vai á reunión dos orzamentos participativos porque quere facer algo"

As nosas experiencias agora mesmo en Alcalá de Henares ou Zaragoza con asociacións de veciños é que están encantadas: abre o campo á xente interesada nos problemas locais e a calquera que teña interese en saír do seu enroque para fóra, en traballar e falar coa xente.


Podemos afondar no sentido pedagóxico dos orzamentos participativos?

É unha forma nova de facer política, aínda que a xente cando participa di que non vén facer política, que é aquilo que fan os partidos e os políticos. Pero é política porque estamos falando de orzamento, que é o máis importante. Unha persoa pode estar na cuestión pública sen pelexar coas outras, facendo unha colaboración, unha construción colectiva para facer ben de forma inmediata e próxima. Estamos falando de cousas ben concretas que temos que facer de ano en ano, cunha asignación de cartos precisa: non falamos de teorías nin de ideoloxías e iso é unha pedagoxía que entra fácil a quen non quere estar en partidos nin en líos de reunións. É unha pedagoxía do consenso, que podemos chamar antipelexas, que precisa de persoas dinamizadoras e facilitadoras do proceso. Persoal técnico e cidadanía aprenden mutuamente. Pero nun ano iníciase, non se resolve. Precisamos entre catro a oito anos para que poida consolidarse.
"É unha nova forma de facer política, aínda que a xente di que non; pero é política porque falamos de orzamento, que é o máis importante"

Cal sería a actitude desexable dos partidos políticos?


Apoiar, asegurar que se faga o que a xente pediu e colocar o diñeiro. A vontade política mídese nos cartos que se van colocar para que a xente decida. Nós traballamos con todos os partidos políticos e a diferenza non está no partido senón nas persoas dentro do partido. Os OP son algo suprapartidario, que está por riba diso, aínda que os partidos teñen un papel porque teñen a responsabilidade última no pleno de apoiar ou rexeitar o que vén da rúa. Coma noutras cousas, hai responsables políticos que ven máis lonxe e outros que ven máis a curto prazo.
"Os partidos deben apoiar, asegurar que se faga o que a xente pediu e colocar o diñeiro; a vontade política mídese nos cartos que se achegan para que a xente decida"

Cal é o papel das novas tecnoloxías e como se relacionan cos procesos presenciais? 


A relación presencial é a fundamental pero compleméntase ben con Internet, facilita chegar a máis xente. O público de Internet en xeral é máis novo, gosta de facer desde a casa e axudar a outras persoas a entrar no proceso. A experiencia en Madrid é que nos distritos onde había un grupo motor máis forte Internet axudaba a espallar. Nos lugares onde só se confiou en Internet sen as asociacións o resultado non foi tan bo. O mellor é que unha proposta de orzamento teña centos de apoios tanto en Internet como nas reunións, que vaia delimitada, compartida, debatida, mellor que só coa opinión do responsable do departamento do Concello: é máis “construción colectiva” se ten cen ou trescentas persoas asesoras detrás que son xente do común.





martes, 20 de septiembre de 2016

Taller de mapeo II


Segundo vídeo del taller de mapeo celebrado en Tenerife en el que se resume la metodología para interpretar los mapas generados